A QUEIMADA


queimada01b



CONXURO:


Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.
Demos, trasgos e diaños,
espíritos das neboadas veigas.
Corvos, píntegas e meigas,
feitizos das menciñeiras.
Podres cañotas furadas,
fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas,
mal de ollo, negros meigallos,
cheiro dos mortos, tronos e raios.
Ouveo do can, pregón da morte;
fuciño do sátiro e pé do coello.
Pecadora lingua da mala muller
casada cun home vello.
Averno de satán e belcebú,
lume dos cadáveres ardentes,
corpos mutilados dos indecentes,
peidos dos infernais cus,
muxido da mar embravecida.
Barriga inútil da muller solteira,
falar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida.
Con este fol levantarei
as chamas deste lume
que asemella ao do Inferno,
e fuxirán as bruxas
a cabalo das súas vasoiras,
índose bañar na praia
das areas gordas.
¡Oíde, oíde! os ruxidos
que dan as que non poden
deixar de queimarse no augardente
quedando así purificadas.
E cando este beberaxe
baixe polas nosas gorxas,
quedaremos libres dos males
da nosa alma e de todo embruxamento.
Forzas do ar, terra, mar e lume,
a vós fago esta chamada:
se é verdade que tendes máis poder
que a humana xente,
eiquí e agora, facede que os espíritos
dos amigos que están fóra,
participen con nós desta Queimada.





queimada02



Segundo algúns estudiosos da época a queimada tería a súa orixe nos rituais dos druidas celtas. Trataríase pois dun costume céltica que se transmitiu de xeración a xeración e sobrevivíu durante séculos. A queimada é mencionada na literatura céltica, romana, visigoda e arábiga. Hai tamén evidencia desta tradición na literatura dos séculos XI e XII.

O ritual da preparación está dirixido a afastar os malos espíritos e as meigas que, segundo a tradición, asexan os homes e mulleres para tentar maldicilos, ben sexa por diversión, por vinganza ou por calquera outro motivo.

Calquera ocasión é boa para realizar unha queimada: unha festa, reunións familiares ou de amigos. Tras a cea, na escuridade da noite, os comensais reúnense arredor do pote no que se elabora, preferibelmente coas luces apagadas, para animar os corazóns e estreitar os lazos de amizade. Un deles encárgase de darlle o toque final erguendo cun cazo o líquido en chamas e deixándoo caer pouco a pouco no recipiente mentres pronuncia o conxuro, o que crea un ambiente moi especial.




INGREDIENTES E PREPARACIÓN:


Os seus ingredientes principais son a augardente e o azucre ós que xeralmente se lles bota tamén casca de limón ou laranxa, uns poucos grans de café sen moer. Á mestura pódenselle engadir cachos de mazá, uvas ou algún outro ingrediente, os cales se engaden de forma independente segundo a tradición da zona.

Nun pote de barro cocido bótanse a augardente e o azucre na proporción duns 120 gramos deste por litro daquela, os demais ingredientes e reméxese todo. No cazo co que se remove cóllese, á parte, unha pequena cantidade de queimada, sen limón nin café, móllanse os bordos do cucharón coa bebida e préndeselle lume.

Cando estea ardendo, métese o cazo no recipiente grande ata que se estenda por toda a superficie. A continuación reméxese lentamente, deixando que suban as lapas do alcohol, creando cascatas con elas. Reméxese ata que se esgota case que todo o alcohol, facendo que a queimada se apague case por si soa, normalmente rematando polos bordos, que non se apagan. É cara ó final deste proceso cando se recita o esconxuro. A queimada sérvese quente, incluíndo todos os ingredientes.



queimada03



VOLVER Á PÁXINA ANTERIOR