HIMNO GALEGO
Letra: Eduardo Pondal
Música: Pascual Veiga
¿Qué din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
Fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
Nazón de Breogán.
Estrenouse no Gran Teatro do Centro Galego da Habana o 20 de decembro de 1907, seis meses despois de morrer Veiga,
gracias ás xestións realizadas por Fontenla Leal. Despois sería considerado como o Himno de Galicia.
Desde 1907 até 1923, o himno galego foi cantado por rexionalistas e agraristas nos seus actos e pouco a pouco foi
sendo aceptado, impoñéndose a outras propostas como o Himno da Acción Gallega.
Cando se prohibiu o uso durante a ditadura de Primo de Rivera, as sociedades
galegas de América intensificaron o seu interese pola súa interpretación pública.
Durante Segunda República atinxiu un certo recoñecemento pero non chegou a ser himno oficial de Galicia.
Evitouse durante o franquismo e mesmo durante a etapa de aperturismo só se cantaba, como moito, en actos culturais e
como unha canción máis dentro do folclore galego.
Dende 1960 comeza a interpretarse de xeito máis explícito, aínda
que disimulando os seus aspectos ideolóxicos. En concreto, cantábase só a primeira parte.
En 1975, mentres tiñan lugar uns actos folclóricos na festa do Apóstolo, a xente comezou a erguerse para cantalo.
Ao ano seguinte instaurouse este costume de xeito definitivo na Praza da Quintana, ratificado tamén polas autoridades
asistentes. A maioría dos partidos non nacionalistas asumiríano, finalmente, na campaña electoral de 1977.
A primeira gravación que se coñece do himno galego realizouna o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro
de 1918.