"CLUB DE VAGOS"

A finais da década dos anos setenta a xuventude mindoniense tén por costume reunirse nas escaleiras que están diante da fachada do actual Banco de Bilbao, ó pé do Consistorio Vello e fronte á Catedral da cidade.

Nace así o "Club de Vagos" que primeiro ven a ser o nome que acada o lugar de reunión e posteriormente terá carácter de asociación con escudo e bandeira, chegando a ter tamén carnet propio para tódolos socios. Pola iniciativa de algúns dos membros que alí se reúnen no ano 1980 créase un equipo de Fútbol-Sala que chega a participar en moitos torneos, algúns deles tan importantes como os celebrados en Rábade, Xove ou Cacabelos, acadando numerosos trofeos, sempre apoiados polos membros do club e pola maior parte da xente da cidade.

Despois da creación do equipo a asociación decide organizar tódolos anos, ó remate da época estival, as 54 horas de fútbol-sala que chegan a ter moita fama participando os mellores equipos galegos e algúns de fora da comunidade. Cipri, Dito, Gelís, Miguel, Santiago, Valentín, Bernardo, Pumares, Zalo, Meilán, Valeco, Noly e o tristemente desaparecido Santillana son algúns dos xogadores que formaron parte do equipo.

Hai que lembrar a participación no torneo que se celebra en Cacabelos, na comarca berciana, a onde se desprazan varios anos sucesivos acompañados pola maior parte dos socios e outros veciños do pobo deixando quedar ben alto o pavillón mindoniense. Hai que destacar a súa participación na Liga Galega de Fútbol-Sala a finais dos anos oitenta.

Cada vez que os Vagos gañaban un torneo fora da localidade armábase tal festa e algarabía que era impresionante ver chegar os coches de volta a Mondoñedo a golpe de bocina, ondeando bandeiras e camisetas polas ventaniñas e entonando o famoso: "Club de Vagos, club de vagos, oe, oe, oe..." ata chegar as escaleiras do Banco onde os poucos membros que non asistiran ó torneo agardaban para ver o novo trofeo que pasaría a formar parte das galerías do club.

Ademáis de diversas actividades deportivas tamén participan na organización da Cabalgata de Reis que se celebra na cidade e durante varios anos consecutivos invitan a tódolos mindonienses a celebrar o Fin de Ano tomando as uvas na Praza da Catedral.

Hai que destacar a labor do seu presidente, Zeta, sempre preparado para traballar e organizar actividades. El foi un dos pilares que fixeron que o nome do "Club de Vagos" chegara a sonar en toda a provincia, e parte do estranxeiro.

Nunha ocasión chegan a xuntarse mais de 30 rapac@s no local do antigo cine Pacheco coa intención de formar a Coral do "Club de Vagos", aínda que non chegarían a dar ningún concerto.

Non se pode falar dos Vagos sen lembrar á súa mascota, un vagabundo can de palleiro que certo día aparece polo club e arroupado pola xuventude decide instalarse nas escaleiras ata o remate dos seus días. O cadelo é bautizado co nome de "Chachi" e durante o resto da súa vida sería tratado como un membro mais dos Vagos chegando a ser nomeado mascota oficial da asociación.

vagos01

ANO 1981

vagos02

ANO 1982

vagos03

ANO 1986

vagos04

TORNEO DE CACABELOS