OS MEUS POEMAS

PANXOLIÑAS




CANTÍGA DE NADAL

Vímoslle cantar ao neno
unha cántiga galega
pra que se lembre de nós
e bendiga á nosa terra.

Que cousa máis pequeniña,
vinde pastores a velo,
deitadiño entre unhas pallas
vai a ser o rei do ceo.

Toca o pandeiro, toca Mariquiña,
e faille repinicar-he,
que o neniño pequeno xa non chora
e ten gañas de bailar-he,
de bailar-he, meniña, de bailar-he
toca o pandeiriño, toca.

Xesusiño somos nos
das terras de Mondoñedo
para chegar a Belén
saímos de mañá cedo.

Vimos neno de moi lonxe
cansados de camiñar-he,
mais aínda nos quedan folgos
para poderche cantar-he.

Toca o pandeiro, toca Mariquiña,
e faille repinicar-he,
que o neniño pequeno xa non chora
e ten gañas de bailar-he,
de bailar-he, meniña, de bailar-he
toca o pandeiriño, toca.




E-MAIL PARA OS MAGOS

Decembro do 2003
Queridos Magos de Oriente
envíovos este e-mail
desde a mariña lucense.

Como somos poucos nenos
este ano tiña medo
de que se vos esquecera
o pasar por Mondoñedo.

E sen máis presentación
pasarei a relatarvos
o que quixera pedir
para Xaneiro deste ano.

Quero un teléfono móbil
para falar cos gobernantes
e dicirlles que rematen
esas guerras canto antes.

Que van acabar co mundo
en menos que canta un galo,
como a cousa siga así
ninguén vai a remedialo.

Tamén quero, a ser posible
na miña televisión,
mais programas culturais
e menos "reality shows".

Traédeme un traxe branco
unhas catiúscas e un bote
para ir á praia de Foz
a limpar o chapapote.

Xa me despido de vos
agardando que de novo
neste ano 2004
pasedes polo meu pobo.




UNHA BOLIÑA DE PAN

Xesusiño eiqui che traio
unha boliña de pan
da terra de Mondoñedo
que é onde mellor o fan.

E unha galiña do couto
con tres pitos pra engordar,
que non che falte de nada
nesta noite de Nadal.

E pra que durmas contento
no colo da tua nai
nesta noite milagreira
hei cantarche un alalá:

"Este neniño pequeno que naceu hoxe en Belén
é guapo coma unha estrela e no ceo casa ten,
e no ceo casa ten, ai lalelo, ai lalala...

Este neniño pequeno que naceu hoxe en Belén
fillo da Virxe María, seu pai chámase Xosé,
seu pai chámase Xosé, ai lalelo, ai lalala...".




DEIXÁDELLE DURMIR

Camiñaba María,
camiñaba Xosé,
querían chegar cedo
ó Portal de Belén.

Correde pastorciños
que o Neno xa naceu
e xa cantan os anxos
que baixaron do ceo.

Mirade que fermoso
entre as pallas está
na noitiña de inverno
querémoslle cantar.

Xa veñen ahí os Magos
a Xesús adorar
abrídelles camiño
pra que podan pasar.

Rapaciños pequenos
parade de bulir
que o Neno xa esta canso
deixádelle durmir.




POLA PONTE DOS MUÍÑOS

Pola Ponte dos Muíños
van os Magos pra Belén
e pararon no Valeco
para toma-lo café.

Pola Ponte dos Muíños
van os Magos pra Belén
van correndo coma tolos,
os camellos van a cen.

Pola Ponte dos Muíños
van os Magos pra Belén
diante vai unha estreliña
que moi longo rabo ten.

Pola Pontre dos Muíños
van os Magos pra Belén
se apurades un pouquiño
detrás imos nós tamén.

Pola Ponte dos Muíños
van os Magos pra Belén
levan ouro, incienso e mirra
pra regalarlle ó Recén.

Pola Ponte dos Muíños
van os Magos pra Belén
queren pasa-lo Nadal
con Xesús María e Xosé.




NOITE EN BELÉN

Canta compañeiro, canta,
que esta noite de Nadal
en Belén naceu un neno
e deitado está entre as pallas
do escuro e frío portal.

Canta compañeiro, canta,
escoita os anxos tocar,
que naceu o rei dos ceos
e xa veñen os pastores,
para podelo adorar.

Canta compañeiro, canta,
que esta noite celestial
naceu o rei dos xudeus,
e xa veñen aí os magos
¡non ves a estrela brillar!

Canta compañeiro, canta,
non pares xa de cantar
para que non chore o neno
nesta noite milagreira,
nesta noite de Nadal.