OS MEUS POEMAS

MONDOÑEDO




A LEIRAS PULPEIRO

Teño unha mágoa moi fonda
no meu corazón galego,
sinto chorar unha gaita
no bico do Padornelo.

Tristeiro é o son que ela leva
ata fai tremar o ceo,
soia entre os pinos requinta
sen tamboril nin pandeiro.

De Seivane ata Lindín,
do Monfadal ata Estelo
chegan as mainiñas notas
do seu humilde punteiro.

Non deixes que cale, non,
e segue a tocar gaiteiro
que a túa canción ha chegar
ata o vello cimenterio.

E pra quen vai o cantar
seica o escoitará de certo...
Con nós sempre o teu recordo
Don Manuel Leiras Pulpeiro.


"Garda a gaitiña gaiteiro
vólvete a tocar prá aldea
que os vilegos desleigados
xa estoxan a muiñeira ".




SUSO DA GAITA

Sentado nun rinconciño
rente á porta da súa casa,
recordando aqueles anos
tan ledos e feiticeiros,
co seu cachabo na man
estaba "Suso da Gaita",
quen fora de Mondoñedo
un dos mellores gaiteiros,

Aínda lembro aquel homiño
cando na rúa pasaba
co seu chaleque de pana
requintando no punteiro
muiñeiras e alboradas,
camiñando paseniño.
Ás xentes engaiolaba
ó son da gaita e pandeiro.
Tocábache aquel gaiteiro
que parecía que as fadas
alumábanlle o camiño.

No San Antonio en Valiño,
no Conde Santo, na Brava,
nas San Lucas, como non,
i en Betanzos nos Caneiros.
Eu penso que medio mundo
percorreu noso Susiño,
o noso "Suso da Gaita",
que fora de Mondoñedo
un dos mellores gaiteiros,
de partitura, rapaces,
de lacón, monteira e viño...




MEU MONDOÑEDO

Meu Mondoñedo da i-alma
terriña que me criou
este que hoxe che canta
cantas veces te chorou.

Meu corazón leva dentro
unha pena e vai medrando
ó ver que o seu vello pobo
tan soliño vai quedando.

Terra de cregos e nobles,
de músicos e poetas,
hoxe somentes lembranzas
do nome que onte tiveras.

Meu Mondoñedo da i-alma
terriña que me criou
este que hoxe che canta
cantas veces te chorou.

Cántas bágoas de tristura
mollaron os meus olliños
por non ver-he diante deles
seu pobo tan queridiño.

"Lonxe de tí non son eu,
e sinto tanta morriña
que namais me lembro de onte
cando cheo de ledicia
me atopaba na terriña
onde vin nacer o sol
tantas, tantas mañanciñas..."




FONTE VELLA

Fonte-Vella, Fonte-Vella
calada i acolledora
entre as pedras milenarias
que te manteñen alteira.

Fonte-Vella, Fonte-Vella
hoxe de Alvaro Cunqueiro,
ao teu carón aínda gardas
tantos recordos de Leiras.

Fonte-Vella, Fonte-Vella
que ás portas da Catedral
do histórico Val de Brea
a i-auga crára nos deixas.

Fonte-Vella, Fonte-Vella
do meu corazón sinxelo
brota armonioso o cantar
nista noite chea de estrelas.




O MARISCAL

Por terras do Valadouro,
no Castelo da Frouxeira
vivÍu fai xa tantos anos
Don Pedro Pardo de Cela.

Un nobre Señor feudal
da gloriosa Idade Media
que, por defender o seu,
contan que un día o prenderan.

Loitou con forza e honor,
por defender as suas terras,
mais foi preso por traizón,
seus criados o venderan.

A carón da Catedral
do que foi o Val de Brea
agardou o Mariscal
amarrado con cadeas.

Foi a morte condenado
o bo Señor da Frouxeira,
i o seu fillo canda él
por ter as mesmas ideas.

Dín que a filla i a muller
foron a pedir clemencia
e firmáronlle-lo indulto
aló en terras de Castela.

Mais de nada lles valeu
pois según contan as lendas
na Ponte do Pasatempo
uns crégos entretivéronas.

Mentres na Praza o verdugo
rabexoulles a cabeza,
e soaban as campás
pra anunciar que xa morreran.

Maila historia non morreu
e hoxe o pobo aínda se lembra
do seu nobre Mariscal
Don Pedro Pardo de Cela.




MANOLO MONTERO

Semella ser de outra vila
preto da mais alta estrela,
semella ser rei de reises,
principe de escuras tebras,
cabaleiro das cruzadas,
Colón no mar das sereas...

Mais eu ben sei que é tan noso
como foi o Mariscal,
como foi Lence Santar,
Cunqueiro, Leiras ou Veiga.

Manolo Montero Rego
mindoniense dos que levan
no corazón a sua Terra.