O GAITEIRO
Pola costa dos Remedios
vai o gaiteiro soprando,
pola costa dos Remedios
apertando ben o fol.
Có seu chaleque de festa
vai ergueito camiñando,
leva camisa de liño,
monteira nova e calzón.
Os frecos da gaita ó vento
i o punteiro requintando
unha xeitosa alborada
mentres vai nacendo o sol.
Pola costa dos Remedios
vai o gaiteiro soprando,
pola costa dos Remedios
apertando ben o fol.
Nos seus ollos hai tristura,
outros tempos vai lembrando,
cando na terra sopraba
o vento da emigración,
cando a gaita era bandeira
de tódolos bos galegos
que escoitaban a muiñeira
tan lonxe da súa nación.
Pola costa dos Remedios
vai o gaiteiro soprando,
pola costa dos Remedios
apertando ben o fol.
Cada casiña que atopa
á xente vai despertando
ca súa leda melodía,
co seu garoufeiro son.
Chiscándolle o ollo as nenas
que tras del van rebrincando,
a cantas delas noutrora
co seu aire namorou.
Pola costa dos Remedios
vai o gaiteiro soprando,
pola costa dos Remedios
apertando ben o fol.
Os frecos da gaita ó vento
i o punteiro requintando.
Nos seus ollos unha estrela,
...Galiza no corazón.
A NOSA FALA
Fermosa coma unha nena
de longos cabelos mouros,
xeitosa coma unha saia
bordada con fíos de ouro.
Melosa como os olliños
dun vello can de palleiro,
teimosa como a semente
dos ben enrrugados leiros.
Saunosa como a anduriña
que voa lonxe da terra,
agarimosa como a estrela
que aluma ó mar na Fisterra...
NO INVERNO
A aldea quedou soliña
na pecha noite de inverno,
que farían as súas pedras
pra merecer ese inferno...
No remate do outono
morreu o velliño Xoán,
houbo ser o derradeiro
que pisou naquel lugar.
Morreu con pena ó saber
que xa ninguén máis quedaba
pra defender os seus eidos,
a terra que tanto amaba.
Sete casas e cabozos,
un canciño orfo, sen pai,
o carro ó pé do camiño,
unha vida que se vai.
Quen vai a vagar agora
polas mestas carballeiras,
quen vai recoller os froitos,
quen vai labrar as súas leiras...
OUTRAS GAITAS - I
Gústame tocar a gaita
polas mañás ben cediño
e despertar coa Alborada
a tódolos meus veciños.
Meniña de Mondoñedo
bonitiña e feiticeira,
heiche tocar pra que bailes
unha leda muiñeira.
Gaiteiro do Val do Brea
bótalle unha muiñeira
que xa estoupan os foguetes
e van comenzar As Feiras.
Tocade ben, compañeiros,
tocade ata reventar,
que se escoiten as gaitiñas,
hai que gañar o xantar.
OUTRAS GAITAS - II
Fumos a tocar un día
unha festa no Bizarro,
tocar, tocámosche ben,
tamén lle demos ó "xarro".
Díxome un home velliño
na festa da Margarita:
Gaiteiro, prepara o fol
e bótalle unha "raspita".
Meniña loira e galana
se o corpo queres cansar
ven a bailar ós Muiños
a noitiña do San Xoán.
E bailarémo-la muiñeira,
e tocarémo-la pandeirada,
e cantaremos prá rematar-he
as ledas verbas dunha alborada.
OUTRAS GAITAS - III
Escoita chirlar a gaita,
sinte o teu peito estoupar
mentras ao ceo se erguen
as notas do seu penar.
Hemos de ir ó San Cristobo
a tocá-la procesión,
Hemos de ir ao San Cristobo
a xantar un bo lacón.
Se vas á festa da Brava
o "paraguas" has levar,
xa que se non o levaras
seguro que choverá.
Armamos unha foliada
na terra do Conde Santo,
eu non recordo na vida
día en que bebera tanto.
A PROCESIÓN
Xa escoito as gaitas na festa
tocando unha muiñeira
xa están bailando os rapaces
i as mociñas feiticeiras.
Xa redoblan as campás
co seu bulideiro son
i os vellos quitan a boina,
ta saíndo a procesión.
Diante ven o San Cristobo,
despois ven o San Antón,
e detrás o San Isidro,
que é dos labregos patrón.
O cura vai moi galano
leva sombreiro e bastón,
tamén veñen os gaiteiros
rematando a procesión.