TRADICIÓN
INSTRUMENTOS TRADICIONAIS EN MONDOÑEDO
A primeiros de século nas terras de Mondoñedo facían gaitas Antón de Vicente
de San Lázaro e Val de San Martiño dos Cucos, ademais pola zona tamén había outros
constructores como José Fortes Portela e Arturo Parga de Abeledo (Abadín), Venancio
de Rigueira (Lagoa), Gabín de Crecente (Pastoriza) e Misen do Rapeto de Carballido (Alfoz).
A maior parte das gaitas que se tocaban na bisbarra eran de buxo, aínda que tamén
se facían algunhas de esvedro, de teixo e de oliveira. As palletas facíanse de cana
macho que é a que ten os nós máis mestos.
Os mellores foles eran os de pel de ovella ou de carneiro, curtidos con fermento,
auga quente e sal ou con cebola picada, manteiga crúa e auga quente.
Para curtilas deixábanse dous días no esterco das vacas ou dos bois ou catro días
enriba dunha táboa. Despois sacábaselles a la, enchíanse de palla ou de herba e finalmente
colgábanse para un perfecto secado. A maior parte das gaitas da zona de Mondoñedo eran grileiras.
O pandeiro de Zoñán, Estelo e Tronceda o mesmo que os de Romariz, Labrada e Montouto era redondo,
cuberto de pel de ovella ou de carneiro. O pandeiro da zona de Viloalle era cadrado o mesmo
que os de Riotorto, Val de Lourenzá e Pastoriza, e tiña dentro unha ou dúas campaíñas e dúas
cordas de guitarra, cuberto tamén de pel de ovella ou de carneiro.
Algúns dos que tocaban no pandeiro pola zona de Mondoñedo eran o tío Xan de Vivá (Viloalle)
e os da casa de Rubiños en Zoñán.
Facían pandeiros na zona de Mondoñedo o Berbés veciño de Viloalle e Cesareo Losada veciño da rúa
Méndez Núñez. Este último tamén facía pandeiretas, peneiras e barquillos,
que vendía polas feiras dos arredores.
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
A PACHACHA
Certo é que os cegos tiveron a súa importancia a nivel social na Galicia de hai non moitos
anos tocando e cantando polas rúas de tantos pobos e vilas. Ademais de interpretar calquera
tipo de temas (valses, xotas, muiñeiras, polcas, mazurcas...) o máis propio deles eran os cantares
de cego que podían tratar de críticas sociais, romances ou todo tipo de sucesos tráxicos como
crimes, asasinatos, desastres naturais e outros.
A Pachacha é unha cega do Couto de Outeiro, na terra de Mondoñedo, que toca o violín en moitas
das festas e romarías que se celebran na bisbarra aló polo século dezanove. Tamén leva a súa música
durante moitos anos por outros pobos da Galicia chegando a tocar nas provincias de León, Asturias,
as dúas Castelas e o Norte de Portugal.
Unha das festas nas que toca é a do San Ramón, na parroquia de Viloalle, en 1.869 onde tamén está
contratado o Gaiteiro de Zoñán, dividíndose as xentes en dous grupos, namentres o gaiteiro acompañado
polo bombo e redobrante toca as muiñeiras, os fandangos e os zapateados no lugar da festa, a cega
toca ó pé do río onde se xuntan os partidarios dos bailes agarradiños. Un dos temas que toca no
violín é a peza popular Me gustan todas.
Ten unha criada chamada Toña, natural da parroquia de Labrada que ademais é costureira, bota a peneira,
levanta de palabra a espiñela e sabe moitos cantares, adiviñas, contos populares e romances, entre
eles o de Delgadiña.
Anos máis tarde o violín da Pachacha vai parar á familia do que fora tenor e violinista da Catedral
Enrique Iglesias, que toca nel desde os doce anos.
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
AS FÍAS DE CESURAS
Ao longo de moitos anos os veciños de Cesuras reúnense para realizar as fías en diversos lugares.
Ao pé da Casa do Valeco (Pacios de Abaixo), no lugar coñecido polo nome de Naquel cabo, na Cuadra
da Santa, na beira da estrada ou na Aira de Roque son algúns dos lugares onde se celebran as fías
máis concorridas da comarca.
O poeta Noriega Varela no seu poema De Ruada falando das fías que alí se celebran a finais do
século dezanove conta que os martes e xoves toca o frauteiro e que alí acoden xentes de tódalas
clases, mozos, vellos, militares, poetas, habaneiros e madrileños. Ademais de gozar, baixo a luz
do candil, da música e do baile que en moitas ocasións é amenizado polo carismático gaiteiro de
Zoñán, tamén se contan contos, lendas e historias de moi diversos temas (a guerra, os mouros, o demo,
a santa compaña, o mal de ollo, as fachas).
Unha noite de inverno das máis escuras
tentoume seique o demo de ir a Cesuras
por mor dunha rapaza máis feiticeira,
que as froliñas que nascen na primaveira.
...........................
cheguei á Margarida, brinquei o río
e seguín cara adiantre, sin medo ó frio.
...........................
Onda ás casas pareime xunta dun carro,
arrimeime a unha roda, piquei cigarro,
e buscando o librillo pola chaqueta
ouvín o ruxe-ruxe da pandeireta
pois pretiño, moi preto, de donde estaba
o bodego da fía de alí cadraba.
Na primeira metade do século vinte as fías teñen lugar principalmente os mércores e os sábados,
no tempo do entroido tamén acoden mazcaras e algúns domingos organízanse festas. A Cesuras veñen
xentes da cidade, das Curuxeiras, Zoñán, Valiño, Pumariño, Pelourín e moitos lugares máis.
Os sábados a música dura ata as tres da madrugada e os mércores as xentes recóllense máis cedo
posto que ao día seguinte hai que madrugar de novo para traballar.
Por esta época ademais dos gaiteiros, violinistas e acordeonistas que acoden a tocar a elas tamén
animan os bailes un grupo de boas pandereiteiras entre as que se encontran Esperanza Doural, Manuela
e Pilar Fanego, Josefa Crespo (a Estanqueira), Manuela Ledo e Concha Díaz (de Ramoneiro), tamén toca
con elas un pandereiteiro incansable chamado Luís Fernández (de Caseiro).
Por alí pasan a maior parte dos músicos da zona, O Roso (violín), O Valeco (acordeón), Santiago Doural
(acordeón), Ramiro Botana (gaita), Rubal (acordeón) e Pablo de Valiño (acordeón) entre outros.
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
O CEGO DE VILOALLE
Outro dos músicos da zona de Mondoñedo que percorría vilas e cidades cantando as coplas e tocando o violín,
na primeira metade do século, era Antonio Lexide Fernández, o Cego de Viloalle. Nace o 9 de Xaneiro do 1895
en Millarado, na parroquia de Viloalle.
A enfermidade da viruela prívao da vista cando só ten oito anos, ingresando despois nun colexio en Compostela onde
aprende a tocar o violín. De volta a Mondoñedo comeza a frecuentar as feiras dos arredores tocando e vendendo coplas
acompañado polos seus irmáns Ramón e Marcial, máis adiante pola súa muller, e despois pola súa filla Sabina, que vai
con el desde pequena e as veces canta algunha copla mentres Antón toca o violín e faille os coros. Durante un tempo
tamén toca con el o seu sobriño Rafael.
É fácil velo nas San Lucas vendendo os panfletos do último crime, ou preparando o arco para interpretarlle as xentes
que veñen de toda a zona o romance máis espectacular da temporada. Pode presumir de ser amigo do ilustre escritor
Alvaro Cunqueiro, a quén tantas veces acode para que lle amañe as coplas dos acontecementos, a maior parte delas
están baseadas en feitos reais. Tamén interpreta outro tipo de pezas entre as que destacan algúns cuplés.
Tódolos anos realiza unha xira que comeza pasado o carnaval e remata pola festa do San Xoán. Percorrendo as catro
provincias galegas, León e Asturias e chegando ata Medina de Rioseco onde para polo San Isidro.
Antón sempre esta de bo humor, o pitillo entre os beizos é algo que non lle pode faltar.
Contan que chega a ter problemas cos familiares de acusados en certos delictos, os cales se opoñen á venta e canto
das coplas. Moitas delas son sacadas do semanario El Caso, diario famoso na época por relatar todo tipo de crimes.
Entre as cantigas que interpreta Antón encontramos Romance de las dos gemelas, Cuatro niños envenenados,
Vinde mociños e mozas, Carta de Pepe a Rosa e A tola de Cangas de Onís (que quixo comer ó seu home pola noite,
morrendo desangrado). Morreu no lugar de A Cabana na parroquia de Viloalle, o día 30 de Abril do ano 1976.
ANTÓN E SABINA
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002