A GAITA
Mentras poda ver o sol
no meu ceo azul e branco
i as estreliñas da noite
acompañen o meu canto,
mentras os pés me manteñan
para seguir camiñando
i os dedos das miñas mans
podan pechar os furados:
Xuro ante ti, Breogán,
i ante os espritos dos bardos,
que a nosa gaita galega
vai a seguir requintando.
... ...
A gaita xa é coñecida en Galicia seis séculos antes do nacemento de Cristo,
segundo afirma Faustino Santalices, e desde aquí difúndese polo resto da Península
e por toda Europa. Pódese afirmar que este instrumento é representativo de Galicia
xa na Idade Media. Das Cantigas de Santa María de Alfonso X pódese deducir
que tamén era un instrumento culto.
CORUXEIRAS. MONDOÑEDO
Manuel Prieto Rego (Coruxeiras)
(1852-1927)
Manuel foi un gaiteiro moi popular que tocou na maior parte das festas e procesións que
se celebraban na bisbarra mindoniense no primeiro terzo do século XX.
O seu sobrenome víñalle de haber nacido no barrio das Coruxeiras en San Vicente de Reigosa (Pastoriza),
no 18 de Outubro de 1852.
Vestía cun gran chambergo, fortes botas e traxe de escuro pano con reforzos de pana e
marchaba sempre paseniño, arrandeándose, dicían que era o gaiteiro que mais tempo aguantaba
tocando. As foliadas de San Vicente de Reigosa tocounas el todas ata que morreu.
En Mondoñedo tiña por costume poñerse na Alameda dos Remedios ou no adro da Catedral, agardando que
"A Paula" dera as doce. A Paula é a campá mais grande da cidade que se ubica na torre esquerda da Catedral.
Manuel case sempre estaba rodeado de nenos que lle cantaban as seguintes coplas:
"Ehí ven Coruxeiras coa gaita a runfar que os mozos e mozas veñan xa bailar,
Eí vai Coruxeiras, deixádeo pasar, leva a gaita rota e non pode tocar."
Coruxeiras chegou a formar un cuarteto para tocar nas festas máis importantes formado por gaita, clarinete,
tambor e bombo. Como os catro músicos que formaban a comparsa eran labregos, de parroquias opostas, xuntábanse
para ensaiar no lugar de encontro que era o Cristo do Fiouco. Pepe do Regimiento, que tocaba o clarinete, era
o único que sabía de música.
Manuel morreu o 10 de Febreiro do ano 1927 na casa do seu irmán Francisco, no lugar coñecido por Córneas da
parroquia de San Vicente de Reigosa (Pastoriza).
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
Comparsa de Coruxeiras
OS VEIGA. MONDOÑEDO
Cando por toda Galicia soaban os nomes de Ventosela e Perfecto Feijoo como grandes mestres da gaita,
en Xuño do ano 1.907 fórmase o cuarteto tradicional Os Veiga en Mondoñedo. Contribuíndo os mindonienses
coa súa achega económica para axudar a conseguir os instrumentos e os traxes típicos feitos na xastrería
de Cándido Carreiras Domenech.
Os músicos que compoñen esta agrupación, de dereita a esquerda na fotografía, son: Victor Domenech (gaita),
Andrés García (requinta), José Cendán (caixa) e Gervasio Bermúdez (bombo).
A gaita encárgaselle a un home da Casa de Argolazas en Láncara (Sarria), que probablemente fora Antonio López
Quiroga y Somoza, artesán de gaitas e prestixioso gaiteiro, un dos primeiros en ornamentar a gaita con aneis
de prata.
No Salón Teatro do Casino tivo lugar a súa primeira actuación, tendo que repetir a maior parte das pezas
interpretadas a petición do público. José Lodeiro Piñeiroa, Músico Mayor del Regimiento de Alcántara, desde
Barcelona remitiulles unhas composicións feitas por el mesmo expresamente para a comparsa: Os Pelamios (pasodobre),
Viva Galicia (xota) e Os Muíños d'arriba (muiñeira).
Esta comparsa en pouco tempo acada moita aceptación, sentíndose tódolos mindonienses moi orgullosos dos seus
compoñentes.
Ao pouco de comezar a súa andaina son solicitados para tocar nas festas do Carmen e do Santiago en Mondoñedo,
San Juan de Alaxe, Ourol, Celeiro, Reinante, Meira e San Ramón Nonato en Adelán entre outras, pero non puideron
asistir a todas por coincidir algunhas nas mesmas datas. Tamén tocaron no Conde Santo en Lourenzá e nas festas
do San Froilán en Lugo.
Vestían moi engalanados para aquela época, con traxes compostos por chaqueta, pantalón, chaleco e monteira escuros.
As xentes admiraban a súa maneira de tocar a muiñeira. Un dos temas máis populares que tiñan no repertorio era Airiños da Terra, o
público cantaba con eles cando o interpretaban.
No mes de Xuño do 1.933 presentase de novo outra formación co nome de Os Veiga actuando nun festival benéfico
organizado pola Banda Municipal que se celebra no Principal Cinema da localidade mindoniense, interpretando dúas pezas:
unha balada e muiñeira que se titulaba Gloria de Galicia e unha xota composta por Pepe Castañeda titulada La Mindoniense.
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
OS PACHECO. MONDOÑEDO
O mesmo que Os Veiga no ano 1.907 en Mondoñedo formase tamén este grupo de gaiteiros, naquela época denominado "cuarteto
típico gallego".
Os mindonienses que o integran eran: Augusto Insua (gaita), Enrique Iglesias (gaita), José Cendán (caixa) e Leopoldo Tapia (bombo).
Fan a súa primeira actuación pública nunha velada que se celebra no Salón Teatro do Casino o 18 de Xuño de 1.908, día de Corpus,
con motivo de recadar fondos para as Festas de San Lucas, actuando tamén o Orfeón Mindoniense e a Banda Municipal.
Tamén hai que destacar a actuación que realizan en conxunto co Orfeón e a Banda de Música co motivo da chegada a Mondoñedo do
presidente do Centro Galego da Habana o 20 de Xullo do 1.908 e a actuación na Praza da Constitución polas festas de San Lucas
dese ano, sendo un dos números do programa posto que interpretan tódalas pezas cunha grande mestría, sendo moi aplaudida a que
leva por título Nas San Lucas, popurrí de temas galegos recollidos por Pepe Castañeda.
Unha das cousas que máis chama a atención deste cuarteto é a gaita de Augusto Insua, que ten o ronco e o punteiro de prata e
que fora construída por el coa axuda do seu pai.
No mes de Setembro do 1.913 preséntanse de novo Os Pacheco, por iniciativa de Pepe Castañeda, nesta nova formación do cuarteto
utilizan a combinación gaita-clarínete, sendo executado éste por Baldomero García e a gaita por Enrique Iglesias, os dous eran
prestixiosos clarinetistas da orquestra da Catedral, da percusión encargábanse Romero Rivas e Veiga González.
As festas das San Lucas en Outubro do ano 1.917 tamén son amenizadas por eles con aires rexionais.
Como se pode ollar nas fotografías o traxe é similar ó do cuarteto Os Veiga, composto por chaqueta, chaleco e pantalón escuros,
camisa e medias claras, con monteira típica tamén escura.
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
AUGUSTO ÍNSUA. MONDOÑEDO
Augusto Ínsua Amieiro naceu na cidade de Mondoñedo no ano 1.887.
Traballou de reloxeiro nun pequeno taller situado na parte baixa da súa vivenda, tendo fama de desempeñar ben o oficio.
O mesmo que moitos galegos viaxou á República Arxentina nos seus anos mozos.
Foi edil do Axuntamento de Mondoñedo, tendo ao seu cargo a Banda Municipal e tamén foi mestre da Escola de Artes e Oficios
que funcionaba por aquel tempo na cidade.
Contan que lles tocaba a gaita as xentes cando subían polo camiño da Infesta desde a Alameda dos Remedios ás monterías
de Toxoso
No ano 1.907 xunto con Enrique Díaz Iglesias foi un dos fundadores do grupo de gaitas Os Pacheco de Mondoñedo,
composto na súa primeira formación por dúas gaitas, tambor e bombo e que tanto éxito acadou por aquelas datas.
Ademais da gaita tamén tocaba outros instrumentos como o laúde, a guitarra e o acordeón, demostrando que era
un dos músicos máis completos que había na cidade.
Contan que un ano polas San Lucas, escoitando a un grupo de gaiteiros da Coruña, achegouse a un deles cando
pararon de tocar e comentoulle que tiña a gaita desafinada, despois levouno ao seu taller onde lle ensinou como
se afinaba.
Un ano despois polas festas o grupo coruñés volveu a Mondoñedo e tocoulle unhas pezas diante a porta da casa
como mostra de agradecemento.
Posuía unha Gaita que tiña o punteiro, o ronco e as buxas de prata, feita por el coa axuda do seu pai Jesús Insua.
Esta gaita chamaba moito a atención polo material empregado e polo seu característico son.
O punteiro, como se pode ollar na fotografía da dereita, tiña unhas chaves, que posiblemente foran para acadar
algunhas notas sostidas. Hai que lembrar que o gaiteiro de fama Ventosela por aquela época tamén usaba punteiro con chaves.
Augusto morreu en Mondoñedo o 23 de Xullo do 1.973, na actual rúa do Progreso, onde residía.
PUNTEIRO E RONCO DE PRATA
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
BRISAS DO MASMA. MONDOÑEDO
O grupo de música tradicional Brisas do Masma comeza a súa andaina a finais dos anos 50 en Mondoñedo. Naquela época a Banda
Municipal da cidade, que tiña o local de ensaio na casa de Jaime Díaz Doural na rúa Pardo de Cela, incluía no seu repertorio
algunha peza interpretada tamén con gaitas.
Entre algúns dos compoñentes, nace a idea de preparar un grupo de música do país debido a que na localidade non había ningún
por aquelas datas.
Na súa primeira formación conta cos seguintes músicos, de esquerda a dereita na fotografía: Alfredo Chamosa (caixa), Baltasar
Graña (bombo), Pedro Rivas (gaita e clarín), Jesús Sordo (gaita) e Cesar Rivas (gaita). Este último e máis Eduardo Rodríguez,
director da Banda Municipal, son os que se encargan de preparar e organizar o repertorio.
Chegan a ter un cento de partituras no seu poder, algunha das cales van preparando ó longo do tempo para aumentar o repertorio.
Algunhas das pezas máis típicas que soen interpretar nos pasarrúas son Manoliño, Festa na Vila e Santiago, sen esquecernos da
tan coñecida Muiñeira de Lugo, que non pode faltar. Nalgunha ocasión acompañan ó Orfeón da Sociedade de Obreiros nas súas
actuacións, interpretando algúns temas en conxunto como a Alborada de Veiga ou Rosiña Primeira.
Ademais de ser coñecidos en toda a comarca, tamén teñen moita aceptación nas terras do occidente de Asturias. Nas San Lucas
acompañan ós Xigantes e Cabezudos no seu recorrido polas rúas da cidade. Nas festas da Veiga tocan case tódolos anos.
A primeira Rapa das Bestas celebrada no Campo do Oso o 6 de Xuño de 1.968 tamén é amenizada por eles.
Brisas do Masma ven a ser unha agrupación de moi longa duración, a finais dos anos oitenta aínda seguían tocando polos
pobos da comarca, pero da súa primeira formación só permanecía no grupo o veterano tamborileiro Alfredo Chamosa.
A música en Mondoñedo. Andrés García e Moncho García. 2002
VOLVER Á PÁXINA ANTERIOR